O lume ocupa un lugar moi importante na cultura galega. Foi o protagonista en moitas cerimonias que funden quizais as súas raíces na prehistoria. Ten un carácter sagrado. Antigamente o lume debía permanecer prendido todo o ano no lar, procedía do lume da igrexa parroquial prendido o sábado santo á noitiña. O lume presidía as veladas das noites de inverno, a onde podían acudir tamén as almas dos mortos a través da cheminea, momento que se apreciaba nos lixeiros movementos das chamas. Por iso non se podía varre-la cociña cara á fóra, nin cuspir no lume. Debía permanecer aceso a noite do velorio dun cadáver. Prendíanse velas ou lámpadas de aceite na mesa de noite de enfermos graves.
A candela traída da igrexa o día da Candeloria (2 de febreiro) prendíase para espanta-las tormentas e para encomenda-la alma dun agonizante. Con tormentas fortes prendíase o lume e queimábanse follas de loureiro, que é árbore protectora.
En moitas comarcas de Galicia, a noite do 29 de abril ó 1 de maio invocábase o lume recitando himnos para que protexese as sementeiras e dese froito abundante, ó tempo que se esparexían cinzas arredor das leiras e se portaban na man feixes de palla de centeo -fachicos- prendidos.
Na petición de voda o noivo era recibido no lar da casa da noiva co lume prendido. O día da voda, antes de entrar na casa dos pais do marido, collía este á muller no colo na porta e levábaa ata o lar, onde estaba o lume prendido, para que os sogros lle desen a benvida e lle ofrecesen a casa á nora.
Prendíase lume no curral en caso de morte ou de enfermidade dun animal. Na Candeloria prendíase ó lado dun romeiro tantas velas coma nenos morreran sen bautizar, o romeiro é planta funeraria, que atrae as abellas, que son almas procedentes da lúa. Tamén se acendía na horta no momento de enterrar un animal e en días sucesivos. O lume é bo para escorrenta-los animais que devoran as colleitas.
A crenza no lume de san Telmo supón que é unha aparición milagrosa que anuncia bonanza. Os lumes fatuos son almas ouveantes dos mortos. A Santa Compaña tamén porta velas prendidas.
Habitualmente, prohíbeselles ós nenos xogar con lume por ser perigoso, sen embargo, permitíaselles xogar co lume de certas festas cíclicas: magosto , enterro da sardiña (celebración para concluí-lo entroido e inicia- la coresma) ou San Xoán.
Nas aldeas hai dous lumes moi importantes: no primeiro período nos días de defuntos-magosto e entroido; no segundo período, o lume de San Pedro Mártir (1 de maio) e o de San Xoán, sen dúbida o máis importante.
O lume de sábado santo é o lume novo, orixe de tódolos lumes, xa que representa a Cristo resucitado, aínda que sobre aquel existan adherencias pagás alleas ó cristianismo.
Os momentos fortes do primeiro período son propicios á circulación e comunicación entre os dous aspectos do mundo. Os tempos fortes do segundo período son privilexiados para a convivencia entre ámbolos mundos xa que atraen sobre os vivos a protección dos antepasados.
Marcadores