Búsqueda avanzada de temas en el foro

Resultados 1 al 1 de 1
Honores1Víctor
  • 1 Mensaje de Cavaleiro

Tema: Vicente Risco sobre o Marxismo (de "Mitteleuropa", I)

  1. #1
    Avatar de Cavaleiro
    Cavaleiro está desconectado del minifundio a la parcelaria
    Fecha de ingreso
    14 mar, 05
    Mensajes
    653
    Post Thanks / Like

    Vicente Risco sobre o Marxismo (de "Mitteleuropa", I)

    (série textos esquecidos do Galeguismo)

    [nota: Cavaleiro nom se identifica necessariamente coa totalidade do texto reproduzido a continuaçom, mas cré simplesmente necessário o espalhamento de textos acalados ou esquecidos polos particularismo bloqueiros e pepeiros na Galiza, suplantadores ambos do verdadeiro Galeguismo do que se reivindicam herdeiros ]


    primeira entrega de extractos da obra Mitteleuropa, 1934


    Vicente Risco sobre


    O MARXISMO



    [texto do libro de Vicente Risco Mitteleuropa, escrito durante umha viagem de estudos por Centroeuropa em 1930, publicado em 1934]


    O termo marxismo é o mais axeitado para comprender todas as doutrinas antisociais ou hipersociais, dende o revisionismo de Bernstein, pasando pola socialdemocracia, deica o comunismo mais ou menos eslavizante ou pseudoeslavizante. No fondo, tanto ten unha cousa coma a outra. Non hai, entre esas doutrinas unha diferencia esencial. Todas van ao mesmo.


    O marxismo é unha fe universalmente compartida ou tolerada na Alemaña. Non hai mais que dúas forzas que se lle opoñan, até certo punto: o catolicismo -que na sua derivanza política ten que tolerar e ainda colaborar cos marxistas- e o nacionalsocialismo que se lle opón en certa forma nada mais.


    A colaboración cos marxistas é para min o único lixo do catolicismo alemán, anque por outra banda sexa -téñoo que recoñecer e admirar- un outísimo exemplo de sacrificio pola Patria, diante do cal temos que baixar a cabeza. O nacional-socialismo é antimarxista dende a oposición; non sabemos se o podería ser igual o dia que gobernase [o escrito é do ano 1930, ainda que publicado no 1934].


    Alemaña está saturada de marxismo. O marxismo aqui xa manda, gobema, insúrxese, revolve, coacciona, chantaxea, propágase, adoutrina, educa, ensina, socializa, poetiza, científiza, explana, presuposta, edita, publica, mina, fura, desfai, imponse, domina e señorea. Non sei se non terá chegado xa ao máximo da sua curva ascendente; é de temer para el que si, e pobre da Alemaña se asi non é. Claro está que fican aleixadas del partes considerables da sociedade -nobres, nacionalistas, moitos capitalistas, militares, católicos, gran parte da clase media, profesores e elemento universitario e intelectual etc.- e que estas partes da sociedade non semellan tan resignadas coma noutros lados. Non embargante, coido que ainda triunfando na Alemaña a contrarrevolución, polo momento había deixar moito do marxismo subsistente; anque tamén digo que, dadas as circunstancias favorables, había ser aqui o único país onde se atrevesen a non deixar del nin a punta do rabo.


    O marxismo é unha fe. A doutrina marxista está refutada por enteiro dende a sua aparición, refutada e desfeita de tal xeito que dela non se pode salvar mais que a penas unhas cantas ideas da crítica que fai do sistema capitalista –ao tender este a producir exclusivamente mercancia, por exemplo; o cal é mais ben que do capitalismo, do sistema de fábrica e de máquinas, que o marxismo non se propón destruir senón extender e desenrolar-. E non embargantes, a xente segue crendo nel. Cren pola fe. Os socialistas saben ben isto, e por iso non soen defender o marxismo dos ataques dos seus inimigos; saben que a estes non os han convencer, e entón limitan a sua propaganda á xente ignorante ou aos xa convencidos. E teñen un xeíto para conseguilo infalible: repetir. Non porfían, afirman. Repiten, afirman a mesma cousa un dia e outro dia. Tampouco se matan moito a cabeza a discorreren. Repiten case que sempre os mesmos argumentos sofísticos do mestre; o mais que fan é ilos aplicando aos asuntos que se andan debatendo no momento. Das Kapital é o seu Korán que non pode ser discutido, porque é infalible. Sobre el soamente poden falar os intérpretes, os ulemas do socialismo. Sabida é a consideración de que gozan no mundo socialista coma no caso de Mahoma- os primeiros compañeiros do Profeta, coma Engels e ainda os seus parentes. Até se dá a casualidade de haber un xenro de Marx, Paul Lafargue, gran figura autorizada do socialismo, coma Ah, o xenro de Mahoma, no Islam. Se semita era Mahoma, semita era Marx.


    De aqui a miña sospeita de se o marxismo non será suscitado polo instinto de vinganza da raza xudáica, se non será, en certo xeito, unha sorte de resposta ao antigo semitismo. Isto verémolo despois.


    O marxismo é unha fe, e esta fe mantense dun sentimento. Este sentimento é a xenreira, se non xusta, xustificada en moitos casos, en todo caso natural e lóxica, coñecida a natureza humana, dos de embaixo aos de enriba; a envexa.


    Do que non ten ao que ten, do que non pode ao que pode, do que non sabe ao que sabe. Esta envexa, esta xenreira, é pouco mais menos de todos os tempos e de todos os lugares. É o que chamou Nietzsche o odio das tchandala, das parias. A revolta destes tampouco é ningunha cousa nova na historia; a revolución social non é ningún invento do noso tempo; repítese con certa periodicidade. O que acontece agora, e quizais aconteceu tamén noutros tempos, é que a revolta se produce contra unha clase dominante, que en xeral, non aparece dotada de ningunha superioridade realmente respetable. Prodúcese contra da clase capitalista que, surtida do tiers-état, empoleirouse choutando por riba deste e deixando abaixo a sua mellor parte, ou sexa, a que se tiña convertido en clase intelectual, e que a clase capitalista colleu unhas veces ao seu servicio, protexeu outras dende a sua outura e case que a xeito de esmola, e despreciou outras moitas. A revolta prodúcese hoxe contra dunha timocracia, contra dunha plutocracia, a única superioridade da cal, polo menos asi á vista, semella ser a do diñeiro, e que non ten unha base natural onde cimentar o seu prestixio. As aristocracias do sangue posúen un prestíxio natural, a xente instintivamente recoñécellelo, séntese innatamente levada ao respeto diante delas, proba de que a superioridade do sangue é unha verdadeira superiorídade real e positiva, descansa en algo certo, en algo de evidencia que non pode ser destruida, a pesar de canto contra dela se poida discorrer, escribir e falar. Porque é unha superioridade de orde vital. En troques a do díñeiro, non; a do diñeiro polo xeral, irrita e alporiza á xente, cun instinto que se revolve decote contra dos señores improvisados, contra dos novos ricos, contra dos que non eran ninguén, e soamente por teren gañado cartos se converten logo en persoas. O noso pobo galego ten para eles unha expresión despectiva caracteristica; señores de para acá. En todos lados, a sátira asáñase con eles. Por algo é isto.


    Claro está que no novo mundo do negocio e da industría, atópanse homes de verdadeiro valor vital: grandes creadores de empresas, Prometeos; capitais de industria, grandes manipuladores de homes e de millóns, que poden ser postos en comparanza cos grandes heroes, cos fundadores de pobos, cos políticos de xenio. Spengler ergueu coma representativo do noso tempo e do futuro próximo, o tipo de Cecil Rhodes, coma unha das grandes figuras representativas da historia. Cambó asegura que o que mais se asemella a un gran gobernante, é o xerente dunha gran empresa. Non embargantes, adentro da nosa cultura polo menos, ningunha actividade de orde económica, por ergueita que sexa, se considera coma nobre.


    Os heroes dos contos das Mil e Unha Noites son moitas veces mercaderes. Sindbad o Mariño é un mercader. Non pode acontecer outro tanto nunha novela, nun poema occidental. O comercio e a industria son para nós o mais antipoético que se poida concebir. Ademais, en Sindbad e nos mercaderes das Mil e Unha Noites; existe un elemento heroico e poético de primeira forza: as grandes viaxes por mar a terras lonxanas, misteriosas e cheas de marabillas; as arriscadas travesías polo deserto, os asaltos das bandas de ladróns, os naufraxios... Mais tamén había este elemento na vida dos antigos mercaderes venecianos, xenoveses, portugueses, flamengos. Non nos de hoxe; a ave Roc non ha vir procurar no seu comptoir ou no seu mostrador os nosos potentes industriais e comerciantes.


    E mais asi e todo, algo diferente puido acontecer aqui na Alemaña. Foron sen dúbida os fidalgos ingleses os primeiros que se arriscaron a metérense nos negocios; mais foi Alemaña a primeira que tivo verdadeiras dinastías comerciais e industriais, semellantes ás casas nobres, e seguidoras dun estilo moral, dunha norma distinguida de conducta superior semellante ao estilo cabaleiresco, á regra da conducta fidalga; emporiso, non chegaron a acadar rango épico. O diñeiro non é poético nin é popular.


    Deste xeito, a clase capitalista, acosada polo marxismo, non atopa simpatía en ningures. Os nobres desposuidos, dislocados, deixados en segundo rango; os intelectuais vendo runfar aos que non saben, ficando eles na mais modesta condición; o resto da clase media malvivindo namentres algúns soben ao cume do poder e da opulencia; toda esta xente séntese no fondo da alma vingada pola insurrección das masas traballadoras.


    Logo, que a conxestión capitalista é un mal que non ten mais compensación que producir ou axudar a producir outros males: grande industria, maquinismo, superproducción. estandardización, urbanismo, vilas tentaculares, cosmopolitismo, explotación das colonias, todas as monstruosidades que nos trouxeron, coa crise actual, ao esborrallamento das sociedades modernas arruinadas na megalómana, babélica e tola aventura cientifico-industrial, da que o americanismo de que antes falamos é, en Norteamérica, e na Alemaña, con Ford e con Stinnes, cifra e resume. É o aspecto material da nova Torre de Babel, que a incorrexible soberbia dos homes quixo erguer, e que de novo cae, no medio do mais tristeiro ridiculo –o ridículo infinito de todo o que se opón a Deus, como dixo León Bloy- e no medio da confusión, esta vez non das línguas, senón, o que é péor, dos entendementos.


    O que vai dito explica de abondo o triunfo do marxismo, mais non xustifica o marxismo. Houbo un tempo no que coidei que, ao menos a critica do capitalismo era unha cousa atinada en Marx. Hoxe vexo que nin ainda iso está ben. Porque ademais, velaquí o erro mais tremendo da xente: a xente pensa que o marxismo en todas as suas derivacións -socialismo, sindicalismo, comunismo– é oposto ao capitalismo, inimigo do capital. E non hai trabucamento semellante. Marx e todos os seus seguidores defenden o capitalismo, anque coiden o contrario. O comunismo marxista -e o sindicalismo tamén- conserva enteiramente o sistema de producción capitalista, a concentración, o sistema de fábrica, o maquinismo, a producción en serie, a industrialización a ultranza, etc., etc. En esencia, o capital entendido en senso marxista- non desaparece co comunismo; pola contra, segue producindo a plusvalía -a tan sonada plusvalía- pois xa os teóricos do marxismo coidan ben de previr aos seus adeptos de que no sistema comunista, non ha recibir cada un o producto integro do seu traballo, senón que unha parte -que ven ser a plusvalía do sistema capitalista- tense que empregar no melloramento da producción. De modo e de maneira que o sistema vén ser enteiramente o mesmo, soamente que o capital -medios de producción mais parte de plusvalía- mudará de dono: en lugar de ser dos capitalistas, sera da colectividade, ou coma se dixeramos, de ninguén. Os obreiros seguirán sendo tan obreiros coma hoxe.


    O marxismo, fundado segundo presumen na filosofía de Hegel -de Hegel o filosofastro, como lle chamou Schopenhauer- cunha base psícolóxica esencialmente negativa -a xenreira, a envexa, o odio do tchandála, non por explicable e case xustificado, menos odio, menos envexa, menos xenreira: é dicir, menos sentimentos negativos- resulta necesariamente incapaz de creación. Non lle vemos en Rusia crear nada novo, senón acometer co plan quinquenal, empresas industríais en grande escala, como fai o capitalismo.


    Ademais, o marxismo entebreceu o mundo moderno. Matou a ledicia de vivir. ¿Como se vai sentir ledo da vida, o que leva adentro da alma, a latexar en todos os instantes, un fondo sentimento de xenreira e de envexa, alumado por unha filosofía materialista, fatalista e matemática, que lle tira todo consolo, que lle afoga todo pulo espiritual? O marxismo, a doutrina mais tristeira, mais moura que endexamais se inventou no mundo, fixo infinitamente desgraciadas a unha chea de xeracións que agardarán cuspindo fel a que chegue o dies irae do proletariado, e que, se triunfan, agardarán ainda inutilmente, coa alma envenenada de carraxe, o advenímento do paraíso terrestre que non ha chegar endexamais. A min danme moita pena estes obreiros mozos, no mellor da vida, que atopo no Stadtbahn lendo no Worwärts ou Der rote Fahne [publicacións socialdemócrata e comunista alemás da época]. Levan o entrecello enrugado pola idea fixa, e non abre un sorriso os seus beizos vermellos de rapaces sans e bos. Mordeu aos pobres o verme do desespero que é o contido da doutrina de Marx.


    Eu recoñezo moitas cousas. Eu recoñezo que a clase obreira lle debe moito ao marxismo, na orde material. Recoñezo que, desgraciadamente, é certo que endexamais obterían as inmensas melloras que levan ganado, se non se erguesen en rebeldía, e que para unírense e organizaren a sua rebeldía, o marxismo aportoulles unha doutrina e unha bandeira, embora esta bandeira leve a cor da vinganza e do sangue. Mais ¿compensan estas avantaxes a perda da fe no sobrenatural, a perda da ledicia de vivir, a perda da paz da alma, e mais ainda: os perigos que os ameazan para o dia de mañá, se é que chega a triunfar o marxismo? ¿Compensar o gran desengano futuro?


    O materialismo marxista encomenza a xa preocupar aos alemáns. Louvan o esforzo filosófico de Husserl e Max Scheler porque din que se non son eles, o marxismo acabaria con toda a filosofía. Nos mesmos socialistas iniciase unha recuada. Semella que Marx chegou a cansar os mellores. Nos medios superiores e mais intelixentes e cultos do socialismo disgusta xa e pon medo o materialismo crecente. Quéreselle dar ao socialismo un senso idealista. Para iso, moitos predican a volta a Lasalle. Outros, coma o profesor berlinés Max Dessoir -a Universidade de Berlín non conta mais que con dúas figuras filosóficas de outura: Romano Guardini, da Facultade de Teoloxía Católica, e o xudeu Max Bessoir, socialista- procuran un camiño nas investigacións metapsíquicas.


    Mais isto todo indica a quebra, a descomposición do marxismo. As mellores intelixencias encomenzan a se sentiren defraudadas por el, e vanse arredando paseniña e inconscientemente. Namentres, segue vivindo nas masas alucinadas e desesperadas.

    [fin do texto]
    ------------------------------

    comentário:


    a ver se os bloqueiros aplican a receita!!!

    Última edición por Cavaleiro; 23/03/2005 a las 09:17
    ReynoDeGranada dio el Víctor.

Información de tema

Usuarios viendo este tema

Actualmente hay 1 usuarios viendo este tema. (0 miembros y 1 visitantes)

Temas similares

  1. Vicente Aranda prepara el rodaje de Tirant lo Blanc
    Por Lo ferrer en el foro Cine y Teatro
    Respuestas: 8
    Último mensaje: 26/03/2006, 20:09
  2. Respuestas: 2
    Último mensaje: 21/03/2005, 17:37
  3. Apuntes sobre nuestra historia
    Por Ordóñez en el foro Política y Sociedad
    Respuestas: 0
    Último mensaje: 18/03/2005, 14:00
  4. Sobre El Blaverismo Y DemÁs Estado De Cosas :
    Por Ordóñez en el foro Política y Sociedad
    Respuestas: 0
    Último mensaje: 18/03/2005, 13:49
  5. Recopilación sobre la manifestación anti-católicos
    Por Anxo Castelo en el foro Noticias y Actualidad
    Respuestas: 2
    Último mensaje: 16/03/2005, 20:47

Permisos de publicación

  • No puedes crear nuevos temas
  • No puedes responder temas
  • No puedes subir archivos adjuntos
  • No puedes editar tus mensajes
  •