María Pita e a defensa da cidade da Coruña
Chamábase María Maior Fernández da Cámara e Pita... Esta muller inmortalizada a través dos séculos é coñecida polo seu nome abreviado, María Pita e foi quen personificou o valor heroico e abriu unha páxina gloriosa na historia da cidade da Coruña, cando no ano 1589, o famoso ex corsario e máis tarde almirante Drake coa armada inglesa tentou invadir estas costas...
Non se sabe exactamente o ano do seu nacemento, pero foi probablemente entre os anos 1562 e 1568 en Sigrás. Estivo casada catro veces e tivo catro fillos, dous deles seguiron a carreira militar.

O día 4 de maio, a escuadra inglesa chegou á Coruña , e iniciou o seu ataque na Pescadería o día 5. A superioridade das forzas atacantes era moi grande, e chegaron a abrir unha fenda na muralla pola que tentaron penetrar na Cidade Vella.

Un alférez inglés, cunha bandeira na súa man, logrou subir por esa fenda aberta ata a parte máis alta do muro, animando á súa escuadra a seguilo.María Pita tivo a fortuna de matar a ese abandeirado inglés, non se sabe se dunha lanzada ou cun arcabuz.Este feito alentou ós defensores, acovardando ós atacantes que desa maneira emprenderon a retirada, deixando numerosos mortos na muralla e nas inmediacións.María Pita, unha vez que o invasor se retirara, dedicouse a recolle-los cadáveres e a auxiliar ós feridos.

Despois da morte do seu cuarto home solicitou axuda a quen daquela era o rei, Felipe II. Foille concedida unha moi boa pensión (que equivalía ó soldo de Alférez máis unha pensión extraordinaria de cinco escudos mensuais, e a que despois foi elevada a dez).Tamén se lle concedeu permiso de exportación de mulas de España a Portugal e ficou liberada da obriga de aloxar á tropa na súa casa. Morreu no ano 1643.

Pero non só hai que destaca-lo desempeño de María Pita se non que tamén a importante participación das mulleres coruñesas e ata dos nenos na defensa da cidade.

Cómpre resalta-lo nome anónimo doutra valente e gran muller coruñesa que interveu nesa batalla. O seu nome non foi coñecido ata atoparse nun documento moitos anos despois e que na actualidade está no Arquivo Xeral do Reino de Galicia... Chamábase Inés de Ben , viúva de Sebastián Fernández , e foi ferida por dúas balas inglesas na defensa que ela fixo cando sitiaron e entraron na Pescadería de A Coruña.

Segundo testemuños de varias persoas e tamén a certificación do cirurxián que a atendeu na cura dos seus feridas (Diego de Salazar) Inés solicitou ó rei Felipe II unha axuda para atender á súa subsistencia e á dos seus fillos que tivera no seu matrimonio mais non se sabe se ela obtivo tal beneficio. O que se sabe é que catro anos despois da súa tráxica intervención na defensa da cidade da Coruña , ostentaba aínda unha cicatriz na fronte e case cega , percorría as rúas da cidade pedindo de porta en porta un anaco de pan para a súa boca famenta e para os seus fillos orfos. Esta pobre muller, compañeira de armas de María Pita, perdeu seu esposo na contenda heroica e arriscou a súa propia vida pola honra da súa patria como se fose un home na defensa da muralla levando pedras e terra para reedifica-las partes destruídas.

Inés de Ben estivo a perde-la vida mais foi menos afortunada que María Pita quen pasou a ser unha figura emblemática da cidade.


http://www.fillos.org/galicia/module...rticle&sid=283