14/06/05)

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA O DOCUMENTO MÁIS ANTIGO ESCRITO EN GALICIA EN GALEGO


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 de xuño de 2005.- O coordinador da Sección de Lingua e secretario do Consello da Cultura Galega (CCG), Henrique Monteagudo, presentou esta mañá na sede da institución o documento máis antigo escrito en idioma galego en Galicia que se coñece ata o momento. Trátase do 'Foro do bo burgo do Castro Caldelas' (Ourense), dado polo rei Afonso IX en Allariz en abril de 1228 e que actualmente se conserva nos Arquivos dos Duques de Alba en Madrid. O documento é unha actualización escrita en galego do texto en latín do foro feito en 1172 polo rei Fernando II de León e a raíña dona Urraca.


Monteagudo explicou que se trata dunha peza absolutamente singular. En primeiro lugar, pola data, 1228, que o converte no texto datado e escrito en galego máis antigo dos producidos en Galicia. En segundo lugar, polo seu status diplomático, pois trátase dun privilexio rodado, o tipo de documento máis solemne dos producidos polas chancelarías reais da Península nese tempo. Constitúe o único exemplo de privilexio real en galego en toda a nosa historia e, que se coñeza, o único diploma en romanzo saído da chancelaría de Afonso IX, o último monarca privativo de León-Galicia.

O texto do 'Foro do bo burgo do Castro Caldelas' era xa coñecido, pois fora publicado nun inventario pola Duquesa de Alba en 1896, e a partir de aí reproducido en varias ocasións. Andrés Martínez Salazar incluíuno no seu volume Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI (1911). Sen embargo, Martínez Salazar considerou erróneamente que a data do foro era máis tardía da que aparece indicada no propio documento, e situouno despois do ano 1250. Este malentendido, explica Monteagudo, é lóxico porque Salazar non chegou a ver o documento orixinal e a aparición dun documento oficial datado en 1228 escrito en galego, cunha ortografía asombrosa e da máxima categoría diplomática resultaba difícil de crer. Este erro impediu que ata agora non se considera a verdadeira relevancia do documento presentado esta mañá.

Simposio

O coordinador da Sección de Lingua sinala que o achado deste documento produciuse no marco da próxima celebración do Simposio "A emerxencia do galego escrito". Os organizadores, o CCG e o ILG, propuxéronse realizar un apéndice para o encontro cos documentos máis antigos coñecidos en galego. Foi entón cando revisando a información existente, se decataron que o 'Foro do bo burgo do Castro Caldelas', polas súas características, era realmente de 1228, a data que aparece sinalada no propio documento, e non posterior, como se consideraba ata agora.
Trala comprobación dos datos históricos que aparecen no texto, dos asinantes e do selo do rei e despois de acudir a cotexar o orixinal no Arquivo da Casa de Alba, Monteagudo destaca que xa non quedou lugar a dúbidas da importancia do documento, "a pesares da resistencia, como investigadores, a entusiasmarse nun primeiro momento".
Monteagudo explica que a existencia deste documento en galego enmárcase dentro dunha lóxica, "pois trátase dun foro, un documento que afectaba directamente ao pobo e que polo tanto era necesario que entendesen, feito en Allariz, lugar de residencia temporal da corte de Afonso IX, e escrito por un notario local que polo tanto coñecía o idioma".
O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, salientou na presentación do documento que este achado "é moi interesante e decisivo para a cultura galega e a nosa lingua" e agradeceu especialmente ao Arquivo dos Duques de Alba, e concretamente ao seu arquiveiro, José Manuel Calderón, todas as facilidades e a axuda prestada.
O 'Foro do bo burgo do Castro Caldelas' será analizado máis detidamente no Simposio que o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega (ILG) celebrarán en novembro baixo o título "A emerxencia do galego escrito". Neste encontro, destacados expertos en lingua, literatura e historia farán unha revisión e actualización do florecemento das linguas romances, especialmente do galego, nos séculos XII e XIII. A directora do ILG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do Simposio, Ana Isabel Boullón, explicaron que o obxectivo desta iniciativa e abordar desde diferentes perspectivas o estado da cuestión sobre o nacemento das linguas romances e dar un avanzo significativo neste ámbito.
Máis información sobre o documento e consulta dos orixinais

http://www.consellodacultura.org/not...06_05_foro.htm