Antonia Santos inmortalizou un momento da historia da nosa Mariña e correspóndenos a nós situala a ela no lugar que merece

Antonia Santos García: a fotógrafa do carlismo mindoniense de 1872

Valorar (16)
XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


A foto que aparece neste artigo era coñecida por todo o mundo. Xa a principios do século XX Lence Santar facía referencias nos seus artigos periodísticos a ela e aos membros da partida carlista fotografados. Posteriormente, outros investigadores foron sacando á luz os nomes e as profesións de cada un deles e do seu capitán, David Cornejo Díaz, un militar retirado que se incorporara ao exército carlista no ano 1870 como tenente. A principios do mes de outubro de 1872 crea esta partida que guiará moi poucos días pois o día 8 dese mesmo mes Cornejo é detido mentres que o resto do grupo cae tres días despois no lugar de Cabana da vella, a escasos cinco quilómetros de Mondoñedo.

Tralo seu apresamento os briosos carlistas mindonienses son trasladados ao cárcere municipal para, posteriormente, ser ingresados no calabozo número 7 do Castelo de San Antón da Coruña. Non será o seu derradeiro destino, pois o 16 de abril de 1873 serán extraditados cara Cuba.

Sobre esta fotografía cometéronse varios erros que queremos corrixir:

1.- O lugar onde fixeron a fotografía.

Durante moito tempo mantívose a idea de que a fotografía fora disparada trala detención destes carlistas en Cabana da vella, algo que temos que rexeitar de maneira categórica, de igual maneira que fai o historiador mindoniense García Doural.

Rexeitamos esa afirmación baseándonos en que os muros que vemos detrás deles non se corresponden cos que existen no lugar onde foron apresados. Tampouco na casa de Cabana da vella existen esas fiestras tan grandes. Tanto o tipo de sillares como as fiestras apuntan a que a fotografía debeu de ser realizada diante do Seminario de Mondoñedo, algo que semella máis lóxico se temos en conta que dous dos oficiais da partida tiñan contacto con ese centro relixioso - educativo, xa que un era presbítero e outro seminarista. En segundo lugar, na foto aparece o capitán da partida, Díaz Cornejo, e como sabemos cando apresaron aos carlistas el levaba tres días preso, sería imposible que aparecese nunha foto tomada a cinco quilómetros de onde el estaba confinado.

A terceira razón pola que rexeitamos que a fotografía fose tomada en Cabana da vella é a vestimenta e a actitude dos fotografados. Na fotografía orixinal podemos ver como a roupa dos carlistas está limpa e as botas aparecen lustradas, algo impensable se temos en conta que levaban oito días fuxidos polo monte, sen comida, durmindo ao raso e soportando a inclemencia do tempo.

A actitude que amosan os carlistas no momento de disparala fotografía reflicte orgullo e determinación. Semella como se fosen gañala guerra, miradas altivas, rostros orgullosos que non se corresponden cunha persoa que acaba de ser atrapado por unha partida da garda civil, oito días despois de comezala a súa guerra.

2.- A autoría da citada fotografía.

Varios autores citaban a Santiago Pernas Salazar como autor desta obra, algo que resulta completamente imposible se temos en conta que este recoñecido fotógrafo mindoniense nace en Viveiro no ano 1881, polo tanto nove anos despois dos feitos.

No libro de Antonio Manuel Moral Roncal, Las guerras carlistas, editado no ano 2006 fala desta partida carlista mindoniense e menciona, por primeira vez para min, como autora a unha fotógrafa mindoniense, Antonia Xosefa Santos García.
O primeiro que fixen foi acudir a internet no que comprobei algo que todos sabemos, que o dato da citada fotógrafa se repetía nun blog sobre fotografía. O máis interesante veu da man doutra páxina de internet, na que comprobamos como o día 14 de decembro de 2011 se vendía un retrato de Carlos VII realizado por esta muller en 45 euros.

3.- Quen era Antonia Santos García?

Sabemos polos libros de nacementos de Mondoñedo que naceu nesta cidade o día 30 de xuño do ano 1831, que no ano 1856, segundo o censo de poboación, vivía con súa irmá na rúa das Angustias de Mondoñedo; que apareza a irmá como cabeza de familia fainos pensar que ningunha das dúas estaba casada. Supoñemos que a casa de súa irmá era o estudo fotográfico, pero ningún dato nolo pode corroborar, tan só que noutro censo de poboación do ano 1880 atopamos a outra muller, Filomena Díaz Villada, traballando como fotógrafa na mesma rúa. Sería lóxico pensar que esta Filomena fose a sucesora da mencionada Antonia Santos, exercendo primeiro como axudante e posteriormente como fotógrafa no estudo da súa mestra.

A mediados do século XX en Mondoñedo créase un novo estudo fotográfico, Foto Celta, que se mantiña grazas ao infatigable traballo de Rosa Moledo, que era a que saía ás feiras e mercados a fotografar, mentres que o seu marido se encargaba dos revelados e da fotografía de estudo.

Do labor de Antonia Santos tan só puidemos conservar dúas fotografías, as dúas vinculadas co mundo do carlismo, tal vez estivese moi vinculada co movemento ou ben tan só sexa unha casualidade, cando atopemos máis fotografías desta muller poderemos dar resposta a esta pregunta.

Este artigo é un recoñecemento a esas mulleres que foron a vangarda da fotografía femenina na Mariña Lucense e que como case tódalas mulleres tiveron que ver como eran afastadas do lugar que lles correspondía na historia do noso pobo.

Antonia Santos inmortalizou un momento da historia da nosa Mariña e correspóndenos a nós situala a ela no lugar que merece.