DE UNIVERSITARIOS A PRECARIOS
Os licenciados galegos que atopan traballo non pasan de 600 euros ao mes
[08/02/2006 09:04] Algo máis da metade dos novos titulados das universidades galegas atopan traballo no prazo de dous anos que segue á súa saída das aulas e en algo vencellado máis ou menos directamente cos estudos realizados. Así e todo, e segundo os datos feitos públicos esta semana pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, os salarios medios que reciben non pasan dunha media de 600 euros ao mes, cen euros menos do que gaña un titulado universitario no resto do Estado.
Durante a presentación destas cifras, opinou o director da Axencia, Julio Abalde, que os números avalarían que "non é tan certo" o tópico de que "a universidade é unha fábrica de parados". Malia todo, á hora de entraren no mercado laboral, coma media, os titulados galegos gañan un 16% menos ca os titulados que buscan traballo noutros lugares do Estado: sete de cada dez están por baixo dos mil euros, e a media queda en 600 euros.
Á beira, só un de cada cinco destes mozos que conseguiron traballo asinou un contrato indefinido e apenas un 8% traballaba por conta propia. Os titulados apuntaron ademais que as capacidades en idiomas ou informática, ou mesmo o expediente económico, están entre as menos valoradas polas empresas á hora de facer as contratacións.
A análise, realizada entre os titulados saídos dos campus galegos entre 2001 e 2003, amosa que o tempo de colocación é moito menor para os formados en especialidades técnicas, que en tres meses atopan traballo, diante da media de até un ano que lles leva atoparen choio aos titulados no eido das humanidades. Destaca ademais que, no momento de responder á enquisa, realizada a finais de 2004, a metade dos consultados seguía estudando algunha formación adicional ou ben estaba preparando algún tipo de oposición.
http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=47753
Actualmente hay 1 usuarios viendo este tema. (0 miembros y 1 visitantes)
Marcadores